Tuesday 21 de May de 2024

A Concellería de Cohesión Social e Voluntariado consegue a acreditación do Selo de Calidade no Corpo Europeo de Solidariedade


A solicitude da Concellería de Cohesión Social e Voluntariado de Sada, que dirixe o concelleiro de Alternativa dos Veciños Breogán Blanco, obtivo un total de 79 puntos obtendo a acreditación coma organización líder co rol de Hosting e Supporting.

A Axencia Nacional da Comisión Europea do voluntariado decidiu conceder o Selo de Calidade ao Concello de Sada no marco do programa Corpo Europeo de Solidariedade, un programa que dará acceso a subvencións e vías de financiación para levar a cabo proxectos de voluntariado de calidade tanto na nosa comunidade coma noutros países membros da Comunidade Europea.

O Corpo Europeo de Solidariedade (CES) é unha iniciativa da Unión Europea que ofrece oportunidades para que os mozos/as, de entre 18 e 30 anos, leven a cabo un servizo de voluntariado ou participen en proxectos no sector da solidariedade, no seu propio país, noutro país da Unión Europea ou fóra dela.

As organizacións xogan un papel crave no funcionamento do Corpo Europeo de Solidariedade ao ser as encargadas de solicitar o financiamento para realizar os proxectos. O Selo de Calidade certifica que unha organización pode garantir as condicións xerais necesarias para participar no programa, de conformidade cos principios e

obxectivos, e é unha condición previa para a participación nas actividades de voluntariado.